Avaliación · Educación Primaria · LOMLOE

Graos de complexidade, niveis de consecución e indicadores

Cinco pezas que se parecen na forma e responden a preguntas distintas. Que é cada unha, onde as confundimos e como se xustifican legalmente. Documento de referencia para o equipo docente e, se cómpre, para a Inspección educativa.

Brais Prados González · CEIP Condesa de Fenosa · Setembro 2026 · revisado en outubro 2026 · Marco: Decreto 155/2022, Orde do 26 de maio de 2023, Manual de axuda PROENS v1.0.1, taxonomía de Bloom revisada (INEE) e avaliación formativa (Sanmartí)

1

Cinco pezas, cinco preguntas

Só a primeira é normativa. As outras catro son ferramentas do docente, e dúas delas levan a mesma palabra («grao») con significados distintos.

Criterio de avaliación

Que hai que avaliar?

Texto literal do anexo II do Decreto 155/2022. Referente único. Non se modifica.

Normativo · DOG

Grao de complexidade

Canto esixe o criterio?

Clasificación 1 · 2 · 3 segundo o verbo (Bloom agrupado de dous en dous). Cada criterio está nun só grao.

Atributo do criterio

Nivel de consecución

Canto acada o alumno?

Rúbrica N0 · N1 · N2 · N3 do mesmo criterio, sempre co seu verbo. Cambia a calidade, non a operación.

Escala de valoración

Indicador

En que se nota?

Conduta observable que se marca nun instrumento. Varias evidencias do mesmo criterio.

Ítem dun instrumento

Mínimo de consecución

Desde onde aproba?

Aprendizaxe imprescindible para superar o criterio. Sen cifras. Esixido por PROENS.

Obrigatorio · tríada PROENS
Quedi o criterio
Canto esixedi o grao
Canto acadadi o nivel
En que se notadi o indicador
Desde onde aprobadi o mínimo
Nota de nomenclatura. Ata setembro de 2026 usabamos «G1 · G2 · G3» tanto para o grao de complexidade coma para os niveis da rúbrica. Desde entón reservamos Grao 1-2-3 para a complexidade do criterio (modelo INEE) e chamamos N0-N1-N2-N3 aos niveis de consecución do alumno. As programacións de EF 26-27, a presentación e o protocolo de avaliación funcional xa usan esta nomenclatura; se atopas un «G1-G3» nun material antigo, a equivalencia é directa (G0 = N0, G1 = N1…).
Revisión de outubro de 2026. Ata esta data redactabamos N1 · N2 · N3 cos verbos da tríada de complexidade (identifica · emprega · xustifica). Así, un criterio de grao 1 como «Identificar os desprazamentos activos…» acababa pedindo «xustifica» en N3, que é outro criterio, e o mínimo quedaba case igual ao criterio enteiro. Desde agora os niveis conservan sempre o verbo do criterio e só gradúan a calidade do desempeño: apoio, autonomía, precisión e transferencia. As programacións de EF 1º e 2º entregadas en PROENS no curso 26-27 conservan a redacción anterior; o modelo novo aplícase aos traballos seguintes.

Segunda revisión (15 de outubro de 2026): onde está o mínimo. Adoptamos o deseño das probas competenciais que presentou a inspección (30/40/30): unha parte que fai todo o alumnado, outra que fai a maioría e outra só ao alcance dos máis avanzados. O que se fai con apoio forte (opcións, modelo, primeiro paso feito) é a porta de entrada que fai todo o mundo, polo que pasa a ser o N0 «en proceso», non o mínimo. O N1 é agora o núcleo do criterio feito de forma parcial ou irregular. Para as programacións xa pechadas do curso 26-27 segue valendo o que se declarou nelas.
2

Dous usos de «grao» que non son o mesmo

Aquí está a raíz da confusión. Son dúas operacións distintas sobre o mesmo criterio, unha horizontal e outra vertical, que compartían etiqueta e ata os mesmos verbos.

Operación A · horizontal

Grao de complexidade

Clasificar cada criterio (ou cada indicador) nun grao segundo a demanda cognitiva do seu verbo.

Que se gradúa
O criterio ou o indicador. É un atributo fixo: «CA1.2 é de grao 1».
Cantos
Tres, agrupando de dous en dous os seis niveis da taxonomía de Bloom revisada.
Cada criterio
Está nun só grao. Non se describe en tres.
Como se asigna
Polo verbo. Lembrar e comprender (identificar, recoñecer, nomear, describir) → 1. Aplicar e analizar (empregar, executar, comprobar, comparar) → 2. Avaliar e crear (xustificar, valorar, argumentar, crear) → 3.
Para que serve
Saber que criterios son máis esixentes. Equilibrar unha proba (matriz de especificacións: 30 % · 45 % · 25 % no INEE de 4º, 40 · 45 · 15 na adaptación a 2º). Prever en que criterios fará falta máis apoio.
Non serve para
Cualificar nin redactar os niveis. Un grao non é unha nota, e o grao 3 non é o «excelente» dun criterio de grao 1.
Onde o usamos
Marco de avaliación de Matemáticas 2º (49 criterios, o 84 % nun único grao). Marco de 4º (5 áreas).
Base
Taxonomía de Bloom revisada (Anderson e Krathwohl, 2001), tal como se traballou na formación de Inspección. INEE (2025): «os indicadores de logro dividíronse en tres graos segundo o seu nivel de complexidade». Exemplos do INEE: «recoñece estratexias» (1), «comproba a validez da solución» (2), «crea representacións» (3).
Grao 1Grao 2Grao 3
Operación B · vertical

Nivel de consecución

Describir como se ve o mesmo criterio en cada nivel de dominio do alumno, do «en proceso» ao «excelente».

Que se gradúa
O desempeño do alumno nese criterio. Cambia co tempo.
Cantos
Catro: N0 en proceso · N1 mínimo · N2 pleno · N3 excelente.
Cada criterio
Descríbese en todos os niveis. É unha rúbrica.
Como se redacta
Sempre co verbo do criterio. N0 é o que só se fai con apoio forte (opcións, modelo, primeiro paso feito): a porta de entrada que fai todo o alumnado. N1 é o núcleo do criterio feito por si mesmo, pero de forma parcial ou irregular (é o mínimo). N2 é o criterio tal como está escrito, de forma autónoma e habitual. N3 é o mesmo desempeño con precisión e transferido a situacións novas.
Que gradúa
Apoio → autonomía · ocasional → habitual · parcial → completo e preciso · contexto traballado → contexto novo.
Para que serve
Valorar o criterio ao pechar a UD. Converter a cualificación. Dar retroalimentación («estás en N1, para N2 falta…»). Deseñar as tarefas e probas multinivel en tres partes: A, porta de entrada con apoio que fai todo o alumnado (N0); B, que fai a maioría e onde está o mínimo (N1-N2); e C, transferencia para os máis avanzados (N3).
Non serve para
Dicir se un criterio é fácil ou difícil. Todos os criterios teñen os catro niveis.
Onde o usamos
Programacións de EF 1º e 2º (68 criterios, todos en catro niveis). Rúbricas de Ciencias de 4º (Adquirido · En proceso · Non adquirido).
Base
Manual PROENS 5.2: «a escala de valoración e os criterios que se empregarán nos instrumentos». Decreto 155/2022 art. 6.2.e: os CA «indican os niveis de desempeño esperados». Sanmartí: criterios de realización e criterios de calidade do mesmo desempeño.
N0N1N2N3
Como se relacionan. O grao de complexidade di canto esixe o verbo do criterio; o nivel de consecución di canto ben o fai o alumno. O verbo é o mesmo nos catro niveis. Un criterio de grao 1 («identificar as emocións») ten un N0 no que só as identifica con apoio (caras, opcións), un N1 no que as identifica por si mesmo pero só ás veces ou só as máis claras, un N2 no que as identifica só e de forma habitual e un N3 no que as identifica tamén en situacións novas e con matices. O N3 non pasa a «xustificar» ou «crear»: iso sería avaliar un criterio distinto do que fixa o Decreto.
Por que nos liamos. Os dous sistemas usaban as mesmas etiquetas (G1 · G2 · G3) e os mesmos verbos (identifica · emprega · xustifica). E, para máis confusión, os indicadores de grao 1 son os que iluminan a columna N1 da rúbrica, os de grao 2 a columna N2, e así. Os números coinciden, pero un fala do criterio e o outro do alumno. E o segundo erro derivou do primeiro: ao redactar os niveis cos verbos dos graos, a rúbrica dun criterio de identificar remataba en crear.
3

Un exemplo completo: EF 2º · CA2.4

As cinco pezas sobre o mesmo criterio. Fíxate en que o grao de complexidade é un dato, e os niveis de consecución son catro descricións que conservan o verbo «recoñecer».

Criterio de avaliación · literal do DOG
CA2.4. Recoñecer a importancia de desenvolver proxectos motores de carácter individual, cooperativo ou colaborativo, valorando a súa consecución a partir dunha análise dos resultados obtidos.
Decreto 155/2022, anexo II · Educación Física · 2º curso · Bloque 2 · OBX2. Perfil cognitivo-motor.
Grao de complexidade: 1 Verbo principal: recoñecer Instrumento: escala de observación + diana (táboa de indicadores) Peso na UD: segundo mapeo

Niveis de consecución: catro descricións do mesmo criterio

N0
En proceso

Recoñece a meta dun proxecto motor sinxelo e se se acadou só con apoio (pregunta guiada ou imaxe). Entra na tarefa, pero aínda non acada o mínimo do criterio.

N1
Mínimo

Recoñece por si mesmo/a a meta dun proxecto motor sinxelo e se se acadou ou non, aínda que de forma irregular (nalgúns proxectos si e noutros non).

N2
Pleno · o criterio tal cal

Recoñece por si mesmo/a a importancia de poñer da súa parte no proxecto motor e valora se se acadou a meta a partir dos resultados obtidos.

N3
Excelente

Faino con precisión tamén en proxectos ou xogos novos (no recreo, noutra UD), sinalando que resultado concreto mostra se se acadou a meta.

Indicadores × niveis: a rúbrica do instrumento

Cada fila é un indicador (conduta que se marca na sesión) e leva o seu grao de complexidade. Cada columna é un nivel de consecución. A liña discontinua é o mínimo.

Indicador (evidencia observable) Grao N0en proceso N1mínimo N2pleno N3excelente
Di cal é a meta do proxecto motorPregunta directa ao comezo da tarefa 1
Di se a meta se logrou ou nonAo rematar, sen que llo diga o mestre 1
Participa activamente durante todo o proxectoObservación na sesión 2
Recoñece se se acadou a meta nun proxecto ou xogo novoSen axuda, noutro contexto (transferencia) 1
Faino de forma habitual e autónoma En N0, faino só con axuda; en N1, faino só de forma puntual Mínimo de consecución: acadar N1 é superar o criterio

Filas = indicadores

Evidencias. Márcanse cunha cruz nunha sesión. Un criterio pode ter dous, tres ou catro.

Columna «Grao» = complexidade

Cada indicador leva o seu grao polo verbo. Informa de canto esixe, pero non decide en que columna se marca: iso depende do apoio, da autonomía e do contexto.

Columnas N0-N3 = niveis

Dominio do alumno. Infírese do conxunto de indicadores marcados ao pechar a UD.

Liña = mínimo

Fronteira legal do aprobado. Redáctase á parte porque PROENS o pide: «Participa nun proxecto motor sinxelo e recoñece se se acadou a meta proposta».

4

Onde nace a confusión

Cinco causas. A primeira e a última son nosas; as outras tres veñen da normativa e da súa historia.

1 · Mesma etiqueta para dúas operacións

Nos marcos de avaliación, «G1-G3» clasifica criterios e indicadores por complexidade (INEE). Nas programacións de EF, «G0-G3» describe niveis de dominio do alumno. Ao usar os mesmos números e os mesmos verbos, acabamos lendo unha rúbrica como se fose unha clasificación, e viceversa.

2 · «Indicador de logro» ten tres significados

No INEE é un enunciado breve derivado do criterio que serve para codificar a resposta a un ítem. No Decreto 155/2022 (arts. 15.2.h e 21.5) refírese só á avaliación da práctica docente. Nos nosos instrumentos é unha conduta observable do alumno. O Manual PROENS evita o termo e fala de «táboa de indicadores» como categoría de instrumento.

3 · Herdanza LOMCE

Co Decreto 105/2014 había estándares de aprendizaxe e moitos centros troceábanos en indicadores que servían á vez de evidencia e de nivel. A LOMLOE eliminou os estándares e o Manual substituíunos polo mínimo de consecución.

4 · «Grao» tamén é umbral

O Decreto (art. 15.2.e) e o Manual falan de «grao mínimo de consecución» para referirse ao chan do aprobado da área. É un terceiro uso da palabra, sen relación cos graos 1-2-3 nin cos niveis N0-N3.

5 · Graduar os niveis subindo por Bloom

Se o N3 dun criterio de «identificar» pide «xustificar» ou «crear», a rúbrica deixa de avaliar o criterio do Decreto e pasa a avaliar outro. O que diferencia os niveis é a calidade do mesmo desempeño (apoio, autonomía, precisión, transferencia), non a operación cognitiva. É a liña de Sanmartí: criterios de realización e criterios de calidade.

A proba do algodón

Fala do criterio e non cambia de alumno a alumno?
É un grao de complexidade. Vale para ordenar criterios e equilibrar probas.
Fala do alumno e pode subir ao longo do curso?
É un nivel de consecución. Vale para valorar e cualificar.
Pódese marcar cunha cruz nunha sesión?
É un indicador. Vai dentro dun instrumento e non se cualifica por si só.

Táboa comparativa

CriterioGrao de complexidadeNivel de consecuciónIndicadorMínimo
PreguntaQue se avalíaCanto esixe o criterioCanto acada o alumnoEn que se notaDesde onde aproba
De quen falaDo currículoDo criterioDo alumnoDo alumno, nunha sesiónDo alumno, ao pechar
Quen o fixaConsellería (DOG)Docente, seguindo Bloom e o INEEDocenteDocenteDocente, por esixencia de PROENS
CarácterNormativoNon normativo, adaptación de aulaNon normativo, escala de valoración declaradaÍtem dun instrumentoObrigatorio na tríada
Cantos por criterio11 (o criterio está nun grao)4 (o criterio descríbese en todos)2-41
Onde viveApartado 3.2 de PROENSMarcos de avaliación (Mate 2º, 4º)Anexo da programación e apartado 5.2Dentro do instrumentoApartado 3.3 de PROENS
ExemploRecoñecer a importancia de desenvolver proxectos motores…Grao 1 (recoñecer)N2: recoñece só a importancia de poñer da súa parte e valora se se acadou a metaDi se a meta se logrou ou nonParticipa nun proxecto motor sinxelo e recoñece se se acadou a meta
6

Do nivel á cualificación legal

Escala de valoración declarada no apartado 5.2, coherente coas cualificacións da Orde do 26 de maio de 2023 (art. 23.1). Achega de cada criterio = peso na UD × nota do nivel. Redondeo unha soa vez, na nota da avaliación.

N0
2,5
IN
En proceso. Faino con apoio forte; non acada o mínimo.
N1
5
SU
Fai o núcleo do criterio de forma parcial ou irregular. Supera o criterio.
N2
7,5
BE · NT
Fai o que pide o criterio, de forma habitual e autónoma.
N3
10
SB
Faino con precisión e transfíreo a situacións novas.
Non hai ceros e non hai «non acadado». O nivel inferior chámase «En proceso» porque describe onde está o alumno, non o que lle falta. Coincide co carácter formativo da avaliación (Orde, art. 17.2.c) e coa liña do Manual de non usar criterios que minimicen a cualificación.
Nas probas e tarefas multinivel (30/40/30). Cada criterio ten tres partes: A, que fai todo o alumnado agás o que ten NEAE e unha adaptación propia (3 puntos); B, que fai a maioría (4 puntos); e C, que só fan os máis avanzados (3 puntos). Se alguén non chega á A, a proba está mal deseñada. Súmase por criterio e despois aplícanse os pesos. A suma dá os mesmos niveis: só A ≈ 3 (N0) · A + parte da B = 5 (N1, o mínimo) · A + toda a B = 7 (≈ N2) · A + B + C = 10 (N3). Nas probas úsase a suma; nos instrumentos de observación, a escala N0-N3.
Nota final. Ningunha norma obriga a facer a media dos trimestres: obriga o que declare o apartado 5.2 (Orde, art. 32.3.c). Recomendación para as programacións novas: «A nota final calcúlase por criterios; cada criterio achega o nivel da última UD en que se avaliou». As notas das UD e das avaliacións parciais non se tocan.
7

Antes de entregar a programación

Nove comprobacións para que criterio, grao, nivel, indicador e mínimo queden cada un no seu sitio.

R

Referencias

  1. Decreto 155/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG 26/09/2022). Arts. 6, 15, 21, 22 e 24.
  2. Orde do 26 de maio de 2023 pola que se desenvolve o Decreto 155/2022 e se regula a avaliación na educación primaria (DOG 13/06/2023). Arts. 9, 17, 18, 20, 23 e 30.
  3. Real decreto 157/2022, do 1 de marzo, polo que se establecen a ordenación e as ensinanzas mínimas da educación primaria.
  4. Xunta de Galicia (2023). Manual de axuda para a elaboración das programacións didácticas, v1.0.1. Apartados 3.3 e 5.2 e lista de control (páxs. 52-57).
  5. INEE (2025). Marco general de las evaluaciones del sistema educativo, 2ª ed. Evaluaciones de diagnóstico e anexos de competencias específicas. Ministerio de Educación, Formación Profesional y Deportes. Ver tamén o blog do INEE: «La evaluación de Lengua Castellana y Literatura y Matemáticas en las evaluaciones de diagnóstico» (18/01/2024) e «Marco de competencias específicas de Conocimiento del Medio» (07/06/2024).
  6. Sanmartí, N. (2020). Evaluar y aprender: un único proceso. Octaedro.
  7. Sanmartí, N. (15/10/2025). «Innovamos, pero sen cambiar a avaliación, non cambia nada». Formación do profesorado, Pontevedra.
  8. Anderson, L. W. e Krathwohl, D. R. (eds.) (2001). A taxonomy for learning, teaching, and assessing: A revision of Bloom's taxonomy of educational objectives. Longman.